Deixámosvos un pequeno resumo do artigo elaborado pola nosa compañeira Mari Aldir na revista cultural A Pedreira do Concello da Lama relacionado co toxo, unha das especies vexetais máis significativa da nosa zona.
O toxo é, talvez, a planta máis representativa dos montes galegos. No concello da Lama foron recollidas tres especies de toxo: Ulex europaeus (toxo arnal), U. gallii e U. minor (toxo gateño). Xunto coas urces son especies características dos uzais húmidos atlánticos.

XENERALIDADES
Pertencen á familia Leguminosae que deriva do latín leguminosus, legume, que se caracteriza polas sementes pechadas en vaíñas; forman parte da subfamilia Papilionoidea, derivada do latín papilio, que quere dicir “bolboreta”, porque a corola se semella ás ás dunha bolboreta.
Ulex vén do latín ulex, que é o antigo nome desta planta ou algunha similar usado por Linneo.
Os toxos son arbustos moi espiñentos que carecen de follas propiamente ditas e no seu lugar, as ramas curtas están transformadas en espiñas longas, recias e punzantes, chamadas filodios. As espiñas que están dispostas sobre os talos principais ou as ramas denomínanse primarias; as que saen de xemas dispostas sobre as primarias son as secundarias, e así sucesivamente.
¡Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos!
Eu venero as froliñas dos toxos.
Dos toxales as tenues froliñas,
que sorríen, a medo, entre espiñas.
Entre espiñas que o ceio agasalla
con diamantes as noites que orballa.
¡Oh do ermo preciado tesouro:
as froliñasdos toxos son de ouro!
De ouro vello son, mai,as froliñas
dos bravos toxales, ¡das devociós miñas!…
Antonio Noriega Varela
As flores son hermafroditas, teñen pedicelo, son axilares e solitarias e están sobre as espiñas primarias. A corola está composta de cinco pétalos parcialmente soldados na base, de cor amarela viva e lixeiramente perfumados. As flores reciben o nome de chorimas e non producen néctar, aínda que é recomendado como planta melífera polo pole que recollen os insectos.
Os froitos pelosos e en legume. As sementes son negras, de pardas a verdes, lisas e brillantes cando maduran.
HÁBITAT
Os toxos son especies heliófilas, é dicir, que necesitan a luz directa do sol para o seu desenvolvemento, xa que non prosperan en condicións de sombra. No norte da Península Ibérica ascenden ata uns 1.300 m de altitude. En Galicia forman extensos matorrais (breixeiras-toxal), que substitúen os bosques climácicos, é dicir, as carballeiras, sobre solos silíceos, ácidos e calcarios descarbonatados.
Teñen predilección por ambientes de clima húmido, así como un marcado carácter pirófito, é dicir, os incendios favorecen a xerminación das sementes e o rebrote da raíz e, ademais, son especies pioneiras xa que colonizan os solos nus e erosionados.
Deixámosvos o artigo completo, non sen antes dar as grazas a unha das nosas artísticas galegas favoritas Doa Oa por facer as ilustracións botánicas para este artigo e a portada desta edición da revista dá Pedreira.