Filosofía

Que é SuidoLAB?

SuídoLAB é un laboratorio vivo de innovación territorial que xorde da experiencia acumulada polo colectivo O Suído tras máis de dez anos impulsando iniciativas de investigación, divulgación, participación cidadá e valorización do patrimonio cultural e natural da Serra do Suído.

Ao longo deste tempo, O Suído foi tecendo unha rede de colaboración entre veciñanza, comunidades locais, investigadoras, creadoras, entidades e persoas comprometidas co territorio. Desa experiencia compartida nace agora SuídoLAB: unha nova etapa orientada a converter ese coñecemento acumulado en proxectos, aprendizaxes e novas oportunidades para o territorio.

Cremos que o pequeno pode ser grande, por iso traballamos a través de microproxectos que permiten explorar ideas, activar recursos, xerar coñecemento e fortalecer vínculos entre persoas, comunidades e paisaxes. Cada iniciativa convértese nun proceso aberto no que importa tanto o resultado como o camiño compartido, as aprendizaxes xeradas e as relacións que se constrúen.

As iniciativas impulsadas  desde SuídoLAB poden abordar ámbitos diversos como o patrimonio cultural, a memoria colectiva, a biodiversidade, a cultura rural contemporánea, a innovación social, os montes veciñais ou a paisaxe.

A nosa metodoloxía baséase nun principio sinxelo: aprender facendo. Entendemos o territorio rural como un lugar de aprendizaxe e creación, onde a colaboración e a diversidade de saberes permiten descubrir novas posibilidades.

SuídoLAB é unha comunidade de práctica, unha forma de traballar e un punto de encontro para persoas e organizacións que comparten o interese por coidar, comprender e activar o territorio a través das da acción colectiva.

SuídoLAB é unha invitación a pensar, crear e transformar colectivamente.

Estás convidada.