O Suído na revista Obradoiro

O pasado 10 de outubro foi presentado un novo número da revista «Obradoiro» do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia no seu nº35, que aborda de forma moi interesante a temática de «Paisaxes».

Neste número as nosas paisaxes do Suído están moi presentes por partida dobre. Nunha primeira instancia polo artigo «A paisaxe galega como mosaico» do noso compañeiro Fran García facendo unha alusión específica ao noso territorio como é o caso da nosa serra e o núcleo rural de Campelo en Xesta (A Lama).

Nun segundo artigo sobre o proxecto de Laboratorio da Paisaxe da nosa compañeira Sheila García pero recollendo unha entrevista a todos os axentes locais que participaron na edición levada a cabo no Suído no que o noso colectivo foi co-deseñador, co-coordinador e facilitador da mesma.

En palabras dos editores da revista:

A paisaxe é un patrimonio esencial de Galicia, configurando os seus asentamentos e sistemas produtivos e diferenciándose dentro da xeografía ibérica. Historicamente construídas, as paisaxes galegas enfróntanse hoxe a transformacións intensas ligadas á explotación forestal, enerxética e mineira, xerando debate público e tensións sociais.

Neste contexto, Paisaxes busca recoñecer a diversidade territorial galega e destacar a súa relevancia para afrontar retos clave como a biodiversidade, o cambio climático e a transición enerxética. A nova arquitectura da paisaxe galega, xa amplamente recoñecida, serve de base para explorar o futuro urbano, territorial e ecolóxico da nosa rexión.

Queremos agradecer á revista Obradoiro por deter a mirada no noso territorio e escoitar esas voces das «paisaxes invisibles» polas que tanto loitamos desde o SuidoLAB.

Prev
Ruralmente

Ruralmente

O noso compañeiro Manuel puxo en valor aos emigrantes e o legado indiano

Next
Noite de mortos en Laxedo

Noite de mortos en Laxedo

Un ano máis repetindo experiencia con OitavenLife