A bótica de Janeiro en Doade

Viaxe a través dos extractos

A semana pasada vivimos unha experiencia única en Doade, concello de Beariz. Grazas á coordinación e amabilidade do seu tenente alcalde Tómas Sancho puidemos coñecer de primeira man un espazo único na comarca, a Botica de Janeiro.

Papel envoltorio. ©SuídoLAB

A botica atópase na planta baixa dunha edificación probablemente construída na segunda metade do século XIX, visiblemente modificada en relación ao seu estado primitivo. A primeira ollada, atopámonos ante unha construción que non destaca a nivel arquitectónico dentro do núcleo rural, percepción que cambiou por completo cando nos foron abertas as súas portas.

O sabugueiro cura todo mal.

Rosalia de Castro

No seu interior, atopámonos cun lugar “atrapado no tempo” onde os seus andeis, o seu mostrador, os seus aparellos, os seus utensilios, as súas lámpadas e os seus antigos frascos están en perfecto estado, mesmo se conservaban restos das herbas que eran secadas e empregadas para distintos remedios. Fundada por D. Ramón Janeiro a mediados do século XIX, a coloquialmente coñecida como botica de Doade, foi un referente na rexión polas fórmulas e remedios que nela se elaboraban.

Caixón con herbas medicinais. ©SuídoLAB

É un espazo que se desenvolve en planta baixa, con áreas perfectamente diferenciadas: a botica propiamente falando, lugar destinado á atención ao público e venda de medicamentos; a rebotica ou parte traseira reservada ao uso do farmacéutico, onde se preparan e gardan medicamentos; o obradoiro, lugar do lavado do material; e o despacho do farmacéutico onde levaba o control e rexistro.

Andel con frascos. ©SuídoLAB

Foi a comezos deste ano o ano 2016, despois de estar pechada por máis de 30 anos, os propietarios deciden ceder a botica ao Concello de Beariz coa idea de converterse, nun futuro non moi afastado, no? Museo da Botica? para que volva ser un referente na rexión.

Edificación que alberga a Botica de Janeiro. ©SuídoLAB

Desde O Suído estamos moi agradecidos por esta experiencia, desexando que a botica de Janeiro poida perdurar moito máis no tempo.

Prev
SOPA 16: Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio no Medio Rural

SOPA 16: Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio no Medio Rural

Zalamea de la Serena

Next
Eira de Doade

Eira de Doade

Marabillosa arquitectura popular desde a parroquia de Xirazga