Na parroquia de Santa Baia de Barroso no concello de Avión, atópase a “Eira de Barroso” dentro do núcleo do que toma o seu nome. Este espazo era o lugar destinado a “malla” dos cereais, unha das tarefas agrícolas tradicionais máis importantes do rural galego.

A “Eira de Barroso” é unha “eira empedrada”, de laxas rectangulares de granito, situada na parte central do núcleo nun espazo aberto cara ao noroeste con vistas cara á serra do Suído.
O queixo, na queixeira; e o centeo, na eira
Refrán popular
En canto ao seu réxime de propiedade, falamos dunha “eira de todos”, de carácter comunitario, posiblemente sometida a un sistema de quendas establecido entre veciños no tempo da malla.

Nas proximidades, atopamos 28 hórreos, lugares onde era almacenado o produto final procedente da malla. Dispostos na súa maioría, cunha orientación este-oeste, buscábase garantir a correcta ventilación e conservación do alimento almacenado. En canto aos materiais para a súa construción, preséntanse dúas tipoloxías: os de pedra e os mixtos (de madeira e pedra), estes últimos cunha maior presenza.

Tanto a “eira” como o conxunto de hórreos presentan un bo estado de conservación, froito da restauración do conxunto.
Desde O Suído convidámolos a vir coñecer este espazo, unha das eiras cunha maior agrupación de hórreos.
.