Deixámosvos un pequeno resumo do artigo elaborado pola nosa compañeira Mari Aldir na revista cultural A Pedreira do Concello da Lama relacionado cos morcegos existentes na zona.
Os morcegos pertencen á orde Chiroptera, que provén do grego cheiro- “man” e -ptero “á”, é dicir “man alada”. A palabra “morcego” está formada pola expresión do castelán antigo mur cego, “rato cego”, xa que antigamente predonimaba a crenza de que eran cegos.
Os morcegos, coma o resto dos mamíferos, son homeotermos, é dicir, manteñen a súa temperatura corporal independentemente da temperatura ambiental, teñen o corpo cuberto de pelo e glándulas mamarias; con todo, presentan algunhas adaptacións anatómicas e fisiolóxicas.
A capacidade de voar é sen dúbida a principal característica dos morcegos. Os primeiros restos fósiles de quirópteros remóntanse ao período xeolóxico do Eoceno Superior. Estes primitivos morcegos posuían as características anatómicas básicas para o voo, por exemplo, un notable alongamento das falanxes dos dedos, excepto o polgar que é pequeno e ten uña, varas óseas longas e lixeiras que sosteñen unha fina pero resistente dobre membrana dérmica chamada pataxio; na rexión das patas traseiras e a cola chámase uropataxio. O esterno, do mesmo xeito que nas aves, ten unha poderosa quilla idónea para a inserción dos grandes músculos pectorais de voo. Estas adaptacións imposibilitan os morcegos para camiñar normalmente, aínda que algunhas especies son capaces de rubir e arrastrarse con notable habilidade.

Os ósos das súas extremidades posteriores son fráxiles e non soportan o peso do animal en posición vertical, polo que descansan boca abaixo mediante un mecanismo de bloqueo de tendóns que retrae as patas e permítelles permanecer en posición de repouso, coma se fose un péndulo, sen gastar enerxía e, polo tanto, descansar.
As ás son usadas nalgúns morcegos para atrapar insectos: unha vez detectada a presa, voan directamente cara a ela e captúrana co uropataxio para comela rapidamente.
Algunhas especies teñen unha gran capacidade de voo, a cal está relacionada co chamado índice de voo, isto é, a relación entre o ancho e a lonxitude da á. As ás estreitas e alongadas favorecen un voo rápido e prolongado, mentres que as curtas e anchas permiten xiros rápidos e un voo estático.
Outra adaptación importante é o desenvolvemento dun sistema de ecolocalización, que é a orientación por medio dos ecos de sons. Os morcegos emiten ultrasons, pola boca ou as fosas nasais, grazas a unha larinxe de forte musculatura con cordas vocais moi desenvolvidas. Estas vibracións rebotan sobre os obxectos da contorna; son recibidas polos grandes pavillóns auditivos ata chegar ao oído e utilizadas polo morcego para crear unha imaxe sonora do que o rodea. Algunhas especies teñen unha pequena membrana na orella chamada “grolo”, a cal facilita a recepción do eco. Este sistema, similar ao mecanismo do radar, permítelles moverse e cazar na escuridade. A análise dos ultrasons permite identificar a especie, xa que son característicos en cada unha delas.