
Hoxe acompañamos ao noso compañeiros e amigos, Manuel Bugallo e Cristina Villaverde na Delegación de Vigo do COAG dentro da conferencia que impartiron sobre os seus estudos no núcleo tradicional de Laxedo (A Lama) .
O núcleo rural de Laxedo, situado aos pés da serra do Cando, non é simplemente un espazo xeográfico coas características morfolóxicas e funcionais propias do rural pontevedrés. Trátase dun enclave con trazos arquitectónicos, urbanísticos e paisaxísticos moi singulares, que lle confiren un carácter único dentro do territorio galego.
Esta conferencia presenta unha síntese do estudo desenvolvido e recolleito no libro «Arquitectura e símbolos de Laxedo. Unha aldea planificada na Galicia Rural», onde se analiza en profundidade a configuración deste asentamento e as claves que explican a súa excepcionalidade.

Falar de Laxedo é tamén falar da figura de Manuel Barreiro Cabanelas, un dos veciños máis ilustres non só do municipio da Lama, senón de toda a provincia de Pontevedra. A comezos do século XX, promoveu unha serie de intervencións que transformaron profundamente a configuración espacial, estética e funcional da aldea.
Durante a sesión abordarase unha síntese do traballo de investigación, desvelando a pegada que Barreiro Cabanelas foi deixando na súa Laxedo natal a partir das vivencias e coñecementos adquiridos no seu segundo fogar, a cidade do Río de Janeiro. A súa preocupación polo desenvolvemento da aldea e o benestar dos seus habitantes queda reflectida nun patrimonio material que aínda hoxe perdura.
O equilibrio entre as dinámicas rurais tradicionais, a emigración, a arquitectura vernácula, a influencia urbanística e o simbolismo —incluído o masónico presente na escultura e na traza urbana— constitúe o eixo interpretativo deste estudo e dá sentido á singular paisaxe cultural de Laxedo.