Deixámosvos un pequeno resumo do artigo elaborado pola nosa compañeira Mari Aldir na revista cultural A Pedreira do Concello da Lama relacionado co xabaril, unha das especies animais máis significativa da nosa zona.
Cando falamos do xabaril ou porco bravo, referímonos a un dos mamíferos máis comúns e con máis historia do concello da Lama. Para os celtas foi un animal importante considerado sagrado. Xa desde o século XVI esta especie interactuaba cos campesiños galegos e os seus cultivos. Actualmente, sobre todo polas noites, os condutores van expectantes á espera de que algún xabaril se lles cruce no seu camiño.
CLASIFICACIÓN TAXONÓMICA
O xabaril é unha das nove especies coñecidas da familia dos porcos, Suidae, e o devanceiro inmediato do porco doméstico. Unha das serras máis importantes do noso termo municipal e parte do sistema montañoso que forma a Dorsal Galega é O Suído, cuxa raíz etimolóxica ten a súa orixe neste animal.
Algunhas características desta familia son un rostro terminado nun morro plano, circular e móbil; un cranio con órbitas non circundadas con óso; molares con cúspides redondeadas e cairos moi desenvoltos; as patas con catro dedos protexidos por pezuños e un estómago simple cun saco adicional.
O seu nome científico é Sus scrofa e o xénero Sus caracterízase por ter un corpo densamente cuberto de pelos longos e fortes; unha cabeza grande e corpo robusto con patas curtas; ollos con pupilas redondeadas; cairos moi grandes que saen fóra da boca e cola terminada nun guecho de pelos longos.
Os especialistas en xabarís e pecarís da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) recoñecen 17 subespecies das Sus scrofa, tres das cales se distribúen en España, S. s. scrofa é a subespecie distribuída en Galicia.
DISTRIBUCIÓN E HÁBITAT
Especie orixinaria de Eurasia e norte de África. Existiron poboacións nativas desde Exipto ata a parte sur de Escandinavia e Siberia e desde Irlanda polo oeste ata Xapón polo leste. Na actualidade está presente de forma nativa ou introducida en todos os continentes, excepto A Antártida, polo que é un dos mamíferos terrestres con maior distribución xeográfica.
En España é unha especie de ampla distribución, máis abundante no centro e norte de Andalucía e Cataluña. No concello da Lama é unha especie bastante común.
É capaz de vivir en diferentes biótopos desde o bosque mediterráneo, bosque de coníferas e rexións cubertas de abundante vexetación, en terreos con matogueiras, estepas e marismas, así como na veciñanza das grandes cidades superpoboadas.
DESCRICIÓN MORFOLÓXICA
O xabaril ten unha cabeza alongada e lixeiramente cónica, con orellas pequenas que se manteñen ergueitas, a diferenza das do porco doméstico que son maiores e tenden a caer cara a adiante. O cranio é longo e estreito con órbitas abertas na parte posterior. Os ollos son sumamente pequenos e negros. O pescozo é pouco aparente. O corpo é “rechoncho”, macizo e robusto, e alcanza a máxima altura na rexión das extremidades anteriores, entre 110 e 155 cm.
As patas dianteiras son curtas, pero moi fortes, e as traseiras son lixeiramente máis baixas. O pé está provisto de dous dedos con pezuño, así como de dous rudimentos traseiros máis elevados. Os pezuños dianteiros miden 7×10 cm e os traseiros 2×1 cm.
O pelame está formado por porcas longas e ásperas e unha densa la inferior. A coloración típica dos adultos é en tons pardas, excepto a cabeza e o fuciño que son gris escura e as extremidades e orellas case negras. A cola termina nunha borla e mide entre 15 e 20 cm.
A crina dorsal é característica da especie e críspase en momentos de tensión e durante interaccións agonísticas, dándolle ao animal un aspecto de maior corpulencia e fereza. Está formada por pelos terminados en diversas puntas que son de maior lonxitude e grosor que os do resto do corpo, adquire maior desenvolvemento nos machos.
Ao longo do ano presenta dous tipos de pelame: o estival, curto e pouco denso, e o invernal, con pelo longo na capa superficial e debaixo unha espesa capa de pelo máis curto chamado “borra”.
A dentición definitiva está integrada por 22 pezas. Os cairos son un dos elementos máis característicos da especie e o seu crecemento non se detén ata alcanzar os 10 anos. Os cairos inferiores do macho, chamados “cabeiros” ou “navallas”, son longos e cortantes e están transformados en estruturas de defensa e a punta vaise engrosando coa idade ata ter o mesmo diámetro que a base.
Os cairos superiores vanse arqueando progresivamente cara arriba ata encaixarse na parte posterior do fuciño. O seu rozamento continuado cos cairos inferiores produce ángulos cortantes, que xunto coa súa aguda punta, constitúen unha importante defensa, ademais de facilitar a marcaxe de árbores e participar activamente na loita dos machos por conseguir femias.
Ten un olfacto excelente pola súa grande importancia na exploración do medio, na comunicación intraespecífica e na función defensiva, xa que en gran medida os perigos se detectan con este sentido. Ademais, son capaces de localizar alimento a bastantes centímetros baixo a superficie do chan.
O oído está ben desenvolto e permite a detección das expresións vocais dos distintos individuos e axúdalles a detectar de inmediato a procedencia de calquera rumor ou son inusual. Ten unha visión moi pobre, particularmente a longa distancia.
Deixámosvos o artigo completo.