Arquitectura da morte na Lama

Estudo inicial sobre a visión da morte

Deixámosvos a parte inicial do artigo elaborado polos nosos compañeiros Manuel e Fran sobre a Arquitectura da morte na Lama publicada na revista cultural A Pedreira do Concello da Lama. Esta primeira parte fai unha aproximación ao mundo da morte dentro de Galicia ata chegar a un estudo pormenorizado dentro do concello.

A MORTE EN GALICIA: UNHA VISIÓN ANTROPOLÓXICA

A idea da morte non é igual en todas as sociedades. Cada grupo humano expresa as súas crenzas mediante a súa relación co binomio vida-morte, a través do imaxinario que leva á realización de ritos e prácticas que conforman o acervo cultural de cada sociedade.

No caso galego existe unha cosmovisión en que a presenza da morte é relevante, moi significativa no ámbito rural. A morte esta presente na cultura galega, non se evita nin se agocha o seu tratamento, respectuoso pero directo.

A morte en Galicia ten formas, espazos, nomes e ditos. É inevitable e temida pero levadeira polos mecanismos establecidos socialmente para soportar a dor que xera, asumíndoa como parte relevante da vida.

Que é a morte?
A morte é un fenómeno que condiciona as crenzas e prácticas de grupos humanos de diversos tempos e lugares.

Galicia, historicamente unha sociedade agraria tradicional, ten unha estreita relación cultural coa morte, estando moi presente no día a día e sendo tratada con certa familiaridade nun mecanismo que resta relevancia ao suceso máis transcendental da vida: a ausencia mesma dela.

A relación de proximidade coa morte dáse na sociedade tradicional galega até a progresiva transformación desta ao longo do século XX. Nas sociedades actuais, a morte, como artellador cultural, ten un papel secundario, estando menos presente. Ten, polo tanto, un menor peso no imaxinario pero mantén unha forte compoñente como acto creador de sociabilidade, especialmente no ámbito rural e mesmo no rururbano.

Cemiterio do lugar de Gaxate. ©SuidoLAB

A vivencia da morte
As diversas prácticas vinculadas á morte inclúen todo tipo de ritos, relixiosos e non relixiosos, que engarzan en fondas tradicións, creando todo un corpus de crenzas expresadas en accións concretas, onde o enterro é o punto culminante do proceso.

Na sociedade tradicional, a morte está presente na vida cotiá mentres que na actualidade tendemos a unha ocultación da mesma a pesar da súa continua presenza. Ante a evidencia, as sociedades modernas ocultan a vivencia da morte, realizando unha omisión consciente desta. A día de hoxe a morte vívese a través dos falecementos de achegados, tentando obviar a propia.

A asunción da morte é un dos grandes traumas do ser humano. A ausencia non pode ser paliada e son procurados diversos mecanismos rituais que teñen un marco espacial e temporal concreto. Na actualidade a maioría de referentes vinculados á morte estanse a perder ou transfórmanse nunha sorte de equiparación universal que non deixa lugar aos matices propios. En realidade moitas desas prácticas tiñan unha vinculación directa cun sistema de crenzas non vixente nunha sociedade actual tendente ao laicismo.

Panteón con nichos no cemiterio do lugar de Xesta. ©SuidoLAB

Os tempos e lugares da morte
A morte ten múltiples significados que van acompañados dos diversos espazos cerimoniais e de sepultura. Por un lado, os diversos ritos teñen o seu propio tempo e ritmo. Por outro, precísanse solucións de interacción entre a morte e a arquitectura, que lle acheguen remedios funcionais e simbólicos ao proceso.

As crenzas, procesos e realidades vinculadas á morte foron mudando nas últimas décadas coa asunción de novas prácticas afastadas da ortodoxia relixiosa. Faremos, polo tanto, referencia aos tempos e lugares da morte no modelo tradicional, do que aínda quedan trazas na actualidade.

O fogar familiar ten relación coa morte como espazo físico en que acontece, en moitos dos casos, e como lugar de realización do velorio ata hai moi poucos anos, cando os modernos tanatorios realizan esa función.

O velorio é o primeiro grande acontecemento post mortem. A práctica relixiosa fala de velar o defunto de corpo presente e coa finalidade de acompañar a familia. O termo provén do latín “vigilare” en referencia ao coidado e protección do corpo do falecido, tanto no senso físico como espiritual. Para iso tomábanse unha serie de medidas de protección simbólicas como a presenza da cruz, o rezo do rosario e mesmo fouces e tesoiras ao pé do cadaleito. O corpo é velado día e noite.

A casa na sociedade tradicional galega é algo máis que unha construción ou un espazo físico, é un microcosmos que adquire entidade de seu como centro da vida familiar. No momento da morte a casa ten gran relevancia como lugar de recepción de familiares, veciños e achegados

Prev
Presentación de VICVS

Presentación de VICVS

Obra dun bo amigo e veciño da serra

Next
Paisaxes invisibles no TEDx

Paisaxes invisibles no TEDx

O Suído pola Cidade da Cultura