Deixámosvos un pequeno fragmento do artigo elaborado pola nosos compañeiros Fran e Manuel na revista cultural A Pedreira do Concello dá Lama relacionado coa caracterización paisaxística do termo municipal.
O concello da Lama conta nos seus 111,76 km² (IGE, 2020) cunha gran variedade de paisaxes resultado da súa posición xeográfica e condicións climáticas, do seu relevo accidentado e dos diversos usos históricos e actuais que os seus habitantes deron ao territorio.
Atendendo ao Catálogo das Paisaxes de Galicia, o concello da Lama pertence oficialmente, na súa práctica maioría, á delimitación da Comarca Vigo Prelitoral, incluída a súa vez na Gran Área Paisaxística Rías Baixas. Esta discutible delimitación pon de manifesto a dificultade para a catalogación paisaxística, resultando dificultoso establecer as diversas zonificacións, especialmente ao seguir criterios subxectivos fundamentados nas delimitacións seguindo estruturas físicas (límites de cumios, vertentes de augas, etc.) e texturas.
A Comarca Paisaxística de Vigo Prelitoral mantén vínculos cos sectores contiguos, destacando o contraste paisaxístico con estas áreas pese á proximidade. Esta posición de transición entre varios sectores paisaxísticos outorga a esta zona variados e singulares valores ambientais, estéticos e patrimoniais.
A comarca paisaxística Vigo Prelitoral é un amplo territorio de transición suave e gradual entre as Rías Baixas cara serras como o Cando e O Suído pertencentes á Dorsal Central. O gran interfluvio conformado polas bacías dos ríos Verdugo e Oitavén define este sector no que os vales encaixados dos cursos fluviais contrastan cos relevos redondeados das serras.
A Lama localízase no sector setentrional da denominada Dorsal Central Galega. Esta sucesión de serras desenvólvese transversalmente ao territorio galego nun desenvolvemento norte-Sur e define o territorio coas serras do Cando e O Suído. Superficies planas e desgastadas caen en forte pendente cara aos vales fluviais, encaixados nos seus cursos superiores.
O relevo irregular xera un territorio con ricos matices que provocaron unha adaptación histórica do ser humano ao territorio orixinando un modelo de asentamento propio de áreas de transición a media montaña.
Serra do Cando e Serra do Suído superan o 1.000 m. de altitude sobre o nivel do mar. Aínda que en termos absolutos non son dos sistemas montañosos máis potentes de Galicia, resultan de magnitude relativa tendo en conta a súa proximidade á costa (30-50 km.) e o seu rango de pendentes entre moderadas e fortes. O Suído actúa como límite xeográfico coa provincia de Ourense cunhas elevacións medias de 800-900 m. e unha altitude máxima de 1027 m. en Coto de Puza. En certo modo pode afirmarse que Cando e Suído son as grandes serras das Rías Baixas.
As variedades topográficas destas comarcas implican variacións en canto a condicións climáticas con contrastes fortes entre a zonas de val e as elevacións montañosas.
Os numerosos afloramentos rochosos que se observan nas serra son o resultado de procesos erosivos que foron destapando o granito e outorgando a característica imaxe actual.
O relevo accidentado e a forte pluviosidade dan lugar a unha densa rede hidrográfica con numerosos ríos e regatos. En xeral, son ríos ben conservados que manteñen vexetación de ribeira e transitan por amplos bosques de frondosas, especialmente nos cursos altos.
O Suído e O Cando presentan diversos hábitats propios da media montaña característica de Galicia. A presenza humana moldeou paisaxes produtivas, agrarios e gandeiros.
Deixámosvos o artigo completo!