O noso compañeiro Manuel estivo o pasado 14 de febreiro pola Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) dando unha conferencia sobre o traballo realizado tanto polo como polo noso colectivo en relación ás «paisaxes invisibles», co emprego dos mapeos colectivos como ferramenta de actuación.
O mapeo visto como unha práctica, unha acción de reflexión na cal o mapa é só una das ferramentas que facilita a abordaxe e a problematización de territorios sociais, subxectivos e xeográficos. Como un medio para o impulso da participación colectiva, a socialización e intercambio de saberes populares, o traballo con persoas descoñecidas, a disputa de espazos hexemónicos, a visualización das resistencias, etc.

A percepción da paisaxe pode ser máis ou menos consciente pero sempre implica emocións, sendo estas determinadas pola composición da matriz paisaxística e polas alternativas narrativas que (re)constrúen significados sociais colectivos. Esta visión integradora da paisaxe debería ser atendida sempre nos procesos de planificación territorial pola súa contribución á calidade de vida.
Esta conferencia permítenos coñecer unha aproximación da construción social da paisaxe, unha visión a través dos saberes populares e da percepción dos seus habitantes.
A paisaxe constitúense pola suma dunha base bioxeográfica e da interacción cultural. A relación dinámica entre o ser humano e o territorio orixina o concepto de paisaxe.
A valoración da paisaxe debe realizarse sempre atendendo ao seu carácter multifuncional polo que ten relevancia tanto o tanxible como o intanxible. Isto enriquece o concepto pero tamén dificulta a súa interpretación: hai tantas paisaxes como persoas e situacións.
Pola súa condición de territorio percibido, cada paisaxe muda en función do observador. Nesa interacción inflúen as circunstancias persoais e condicionantes externos. Así, cada escena paisaxística é única polo que podemos falar de paisaxe(s) conformadas por micropaisaxes. A suma desas interpretacións individuais xera un marco colectivo, un ben común que denominamos xenericamente paisaxe.
A interacción máis directa coa paisaxe é a das paisaxes cotiás dado que expresa a relación de cada suxeito co territorio. A importancia desta paisaxes do día a día reside en como (re)constrúe significados sociais colectivos que son condicións necesarias para manter a nosa esencia como comunidade. En moitas ocasións esta é unha realidade territorial non idílica, incluíndo as paisaxes á marxe, atendendo tamén ao efémero, ás paisaxes invisibles, aquelas non evidentes en canto a valores pero que teñen funcións dende o punto ambiental, cultural ou simbólico, máis alá do aparente.
A paisaxe vívese.