As paisaxes incompletas da Serra do Suído

A modernidade levounos a pensar que o espazo xeográfico era só un espazo xeométrico, case topolóxico, e que os lugares eran lugares sinxelos facilmente identificables nos nosos mapas desde un sistema de coordenadas que marcaba latitude e lonxitude. Isto non é exactamente así, senón que o espazo xeográfico é, fundamentalmente, un espazo existencial, formado por lugares cuxa materialidade perceptible está tinguida de elementos inmateriais e intanxibles que fan cada un lugar en algo único e intransferible.

Paisaxes incompletas. ©SuidoLAB

A proxemia describe o espazo persoal dun individuo nun medio social, definíndoo como o conxunto das observacións e teorías referentes ao uso que as persoas fan do espazo en tanto que produto cultural específico. Esta teoría conecta coa psicoxeografía e outras disciplinas nas que se teorizan e interpretan os sentimentos, emocións, estados de ánimo ou sufrimentos de persoas en relación aos espazos. Supón a interrelación entre o comportamento humano e os lugares, o hábitat e o ambiente social, cultural e económico. Mais esta interpretación nunca estará completa, xamais será absoluta.

Paisaxes incompletas. ©SuidoLAB

As paisaxes, como relacións dinámicas entre persoas e territorios, son sempre incompletas. Son comprensións parciais, coñecementos en evolución, imaxes editadas e historias inacabadas dos nosos contornos deseñados e non deseñados. As fendas dentro (e entre) as paisaxes poden revelar historias omitidas e xente silenciada, pero esta apertura das paisaxes tamén pode ofrecer oportunidades para contribuír e participar.

Paisaxes incompletas. ©SuidoLAB

Pedimos aos participantes unha aproximación á paisaxe desde tres puntos de vista:
Topografía: identificación de fitos paisaxísticos.
Proxemia: identificación de sentimentos.
Incompletitude: identificación de ausencias.

As paisaxes están sempre en construción e a súa incompletitude ofrece potencial para novas interpretacións e representacións.

Prev
Laboratoria da Paisaxe – Serra do Suído

Laboratoria da Paisaxe – Serra do Suído

Reflexión sobre as dinámicas locais no noso territorio

Next
Noite de mortos en Laxedo

Noite de mortos en Laxedo

Celebrando a vida e a morte cun roteiro cultural pola Lama