Desde o Costa Oeste, estudo multidisciplinar dirixido por Sheila García, Fran e Manuel foron invitados a impartir un taller dentro do O ciclo do pan non Xurés. Este proxecto nace como unha experiencia sensorial e participativa polo patrimonio cultural e os saberes tradicionais no sur de Ourense, nun territorio que inclúe os concellos de Lobeira, Lobios, Baltar e Calvos de Randín. A partir da relación entre a arquitectura popular, os cultivos tradicionais e a vida comunitaria, convidamos a mirar o rural como un espazo vivo, en transformación, cheo de memoria e futuro.

En palabras de Sheila Gracía:
Non se busca fixar unha imaxe estática do pasado, senón activar novas miradas, trazar camiños de interpretación e fomentar a implicación colectiva.
Un convite a descubrir o valor do cotián, a escoitar o territorio con outra sensibilidade e a imaxinar, entre todas, outras maneiras posibles de habitar o rural galego.
Neste sentido, Fran e Manuel deseñaron un mapeo colectivo na súa liña de investigación das paisaxes invisibles elixindo a aldea de Facós en Lobeira por ser un lugar moi representativa pola temática do ciclo e ser o lugar de nacemento dun dos mellores etnógrafos que tivo Galicia, Don Xaquín Lorenzo Fernández, máis coñecido como Xocas.

En tempos de erosión cultural e homoxeneización territorial, os restos da arquitectura vernácula funcionan como actos de resistencia.
Esta actividade propón unha exploración sensorial, cultural e simbólica arredor desta aldea de Facós-Lobeira como un arquivo da paisaxe aínda vivo.

Pretendemos un espazo interactivo que non busca conservar unha esencia fixa, senón que se constrúe como algo que se vai facendo, que se institúe no uso. Máis que definir, trataremos de ofrecer, abrir posibilidades de interpretación.
As diferentes voces poden participar, acceder ao arquivo, contribuír a crealo e tamén a interpretalo, sen que haxa unha única lectura válida ou definitiva.

Xocas dedicou a súa vida a documentar, interpretar e dignificar esas arquitecturas que non saen en revistas, pero que sustentaron durante séculos a vida cotiá: fornos, eiras, muíños, carros, leiras… A súa ollada era radicalmente contemporánea: integradora, funcional e sensorial. Non quería conservar o pasado como nunha furna, senón entender como ese pasado nos axuda a ler o presente e proxectar un futuro con raíces.
Xocas foi un investigador da transformación. Dicía que a etnografía non era para momificar a cultura, senón para acompañala no seu cambio. E esa idea é hoxe máis pertinente ca nunca, nun mundo que busca novos relatos sobre o rural, a proximidade e o coidado.

Así que, nesta visita, non pensedes en patrimonio como ruína ou postal, senón como sistema vivo. E deixádevos levar pola percepción, polo debuxo espontáneo, pola memoria que se activa nos detalles. Como faría Xocas. Como debe facer, quizais, calquera persoa que se pregunte que significa habitar un lugar. Como se o propio Xocas nos fose guiando, comezamos unha viaxe con varias paradas, con títulos monosémicos, tal e como fixo Xocas en moitas das súas obras.
Durante o mapeo puidemos reflexionar sobre varios conceptos como o hórreo, a ruína, o fogar, o millo, o lume, a botánica e a malla.