
LoboLAB: un día para seguir as pegadas do Suído
Hoxe sábado 8 de agosto, a Carballeira dos Prados na parroquia de Xexta (A Lama) acolleu o taller central de LoboLAB, un encontro colectivo que deu continuidade aos Talleres Preliminares Flexibles desenvolvidos previamente en distintos puntos da serra.
LoboLAB desenvolveuse no marco da Red Ibérica de Laboratorios de Cultura Comunitaria y Ruralidad (RILCC), conectando cultura comunitaria, coñecemento local, participación e innovación territorial desde o propio territorio.
Dentro deste marco, queremos agradecer especialmente á Comunidade de Montes de Xesta pola súa boa acollida no territorio da parroquia de Xesta, pola súa colaboración durante a xornada e por facer posible, coa súa achega, a comida comunitaria que compartimos entre todas e todos.
Unha xornada para reunirse, escoitar, compartir e, sobre todo, para mirar o Suído desde diferentes perspectivas e descubrir as súas paisaxes invisibles.
A xornada comezou con A Acollida, recibindo ás 42 persoas participantes que se achegaron desde diferentes puntos do territorio do Suído: veciñanza da parroquia de Xesta, das diferentes parroquias dos concellos do Suído e tamén persoas chegadas das Rías Baixas. Un primeiro momento de encontro que permitiu reunir diferentes miradas, experiencias e coñecementos arredor da serra e do territorio que compartimos.
A Chamada
LoboLAB é un espazo de encontro, investigación e experimentación impulsado por SuídoLAB, que emprega o lobo como fío condutor para descubrir, comprender e poñer en valor os paisaxes, saberes e relacións invisibles do Suído.
Despois chegou A Chamada, o momento para presentar o SuídoLAB, o laboratorio vivo impulsado desde o propio territorio para observar, investigar e activar novas formas de relación entre as persoas, a cultura, a natureza e a paisaxe do Suído.
Dentro deste marco nace LoboLAB, unha experiencia de participación e ciencia cidadá que toma o lobo como fío condutor para explorar as diferentes realidades da serra e facer visibles aquelas paisaxes, coñecementos e relacións que moitas veces permanecen ocultas.

Así, SuídoLAB é o espazo de experimentación territorial e comunitaria, mentres que LoboLAB é un dos seus procesos de exploración e acción colectiva: unha invitación a percorrer o territorio, escoitar ás persoas que o habitan e coñecelo a través das súas diferentes Capas Invisibles.
Unha experiencia para aprender do territorio e aprender tamén das persoas que o habitan, o coñecen e o coidan, conectando coñecemento local, participación, cultura e ciencia cidadá.
As Pegadas: seis Paisaxes Invisibles

A primeira fase de LoboLAB parte da identificación de seis Capas Invisibles que permiten achegarnos ao territorio desde diferentes perspectivas. Cada unha delas revela unha realidade, un coñecemento ou unha relación coa Serra do Suído que moitas veces permanece oculta ou pouco visible.
As seis Capas Invisibles propostas son:
- Abrigo de Pastores · os usos tradicionais da montaña, os saberes ligados ao pastoreo e as formas de habitar e aproveitar o territorio.
- A fenda da Auga · a presenza da auga, os seus percorridos, usos, valores e relacións co territorio.
- A Rolda · a memoria, a cultura e as relacións comunitarias que forman parte da identidade do Suído.
- Correspondencia Comunitaria · as persoas, os vínculos, os coidados e as redes de colaboración que conectan a comunidade co territorio.
- Foxos do Lobo do Suído · a memoria do lobo, os foxos, a relación histórica entre as comunidades e a fauna salvaxe e o patrimonio asociado a esta convivencia.
- Zumbido e Pegada · os sons, sinais e rastros da biodiversidade e das especies que habitan a montaña.
Antes de comezar o traballo colectivo, cada promotora ou promotor das seis Capas Invisibles realizou unha breve explicación introdutoria sobre o seu ámbito de traballo. Estas presentacións permitiron compartir co conxunto das persoas participantes os principais contidos, coñecementos e cuestións asociados a cada capa.
A partir desta primeira aproximación, as persoas participantes distribuíronse nas diferentes mesas de traballo para iniciar unha dinámica de mesas rotatorias. Ao longo das rotacións, cada grupo foi achegándose ás distintas Capas Invisibles, incorporando novas perspectivas, experiencias e coñecementos.

O obxectivo de As Pegadas foi, polo tanto, comezar a descubrir as pegadas visibles e invisibles do territorio, recoller coñecementos e formular novas preguntas que posteriormente serían conectadas nas seguintes fases do LoboLAB.
Pan e Palabra
Despois de descubrir estas primeiras pegadas chegou Pan e Palabra: unha comida comunitaria e un espazo de convivencia.
Porque compartir unha mesa tamén é unha maneira de facer comunidade. Neste momento do LoboLAB, a metodoloxía deixou paso ao encontro máis espontáneo: sentarse xuntos, compartir o pan, conversar e coñecerse máis alá das dinámicas de traballo.
Foi un momento para descansar, conversar sen présas e intercambiar experiencias, pero tamén para que as relacións que comezaran a xurdir durante a mañá puidesen continuar medrando de maneira natural. As conversas saltaron dun tema a outro, mesturando lembranzas, coñecementos, preocupacións e historias relacionadas coa Serra do Suído.

A comida converteuse así nunha extensión do propio laboratorio. Nunha mesma mesa cruzáronse persoas con diferentes experiencias e formas de entender o territorio, facendo posible que aparecesen novas conexións que dificilmente xurdirían nunha dinámica máis estruturada.
Queremos facer un agradecemento especial á Casa do Pobo da Lama, pola súa xenerosidade, implicación e, sobre todo, por ofrecernos unha comida tan boa que contribuíu a facer deste momento un verdadeiro encontro arredor da mesa.
Pan e Palabra reivindica o valor do común: o pan como aquilo que compartimos e a palabra como ferramenta para escoitar, coñecer e construír xuntos.
Porque un territorio tamén se constrúe arredor dunha mesa. E, ás veces, as mellores ideas aparecen cando simplemente paramos, comemos e falamos.
Os Encontros e Os Fíos
Despois o LoboLAB entrou nunha nova fase na que o máis importante era poñer en relación as diferentes miradas sobre o Suído.
En Os Encontros, as persoas participantes mudaron de grupo e mesturáronse as experiencias recollidas nas seis Capas Invisibles. A través das mesas rotatorias, cada participante achegou o aprendido na súa mesa e entrou en contacto con outras perspectivas, descubrindo relacións, coincidencias e novas preguntas.

A partir destas conversas naceu Os Fíos, unha dinámica destinada a facer visibles esas relacións. O Mapa do Suído converteuse no soporte común para representar as diferentes percepcións do territorio e conectar persoas, lugares, coñecementos, memorias, recursos e iniciativas.
Os fíos permitiron pasar dunha visión fragmentada a unha lectura colectiva do territorio, mostrando que as diferentes Capas Invisibles non son realidades illadas, senón partes dunha mesma rede.

Os Fíos. ©Suido LAB
Así, Os Encontros abriron as conexións e Os Fíos fixéronas visibles. Entre ambas as fases construíuse unha cartografía colectiva baseada non só na xeografía do Suído, senón tamén nas experiencias, percepcións e relacións das persoas que o habitan, o coñecen e o viven.
O resultado foi un Mapa do Suído entendido como unha rede viva, onde cada conexión pode revelar unha nova oportunidade para comprender, coidar e activar o territorio.
O Respiro

Despois de todo ese traballo chegou O Respiro.
Unha pausa para tomar un café, recuperar forzas e, especialmente, para degustar o mel da man das Meleiras do Suído.
Un momento para saborear o territorio e lembrar que detrás de cada produto existen paisaxes, biodiversidade, coñecementos e persoas que os fan posibles.
E entre os momentos compartidos da xornada, despois da degustación, tivemos a oportunidade de achegarnos á creación artística de Elena Buch, que nos ofrecera unha mostra de cianotipia en directo, dentro da súa proposta artística A Fenda da Auga.

A través desta técnica fotográfica artesanal, a auga converteuse tamén en materia, memoria e pegada, establecendo un diálogo entre arte e territorio e permitindo mirar este elemento esencial do Suído desde outra perspectiva.
As Sementes e a Colleita

Despois de descubrir as Capas Invisibles, compartir as diferentes percepcións e facer visibles as relacións no Mapa do Suído, chegou o momento de mirar cara ao futuro.
En As Sementes, as conexións identificadas durante o LoboLAB transformáronse en ideas, propostas e posibilidades. Cada participante puido achegar aquilo que lle gustaría ver medrar no territorio, partindo dos coñecementos, necesidades e oportunidades que foran aparecendo ao longo do proceso.
As sementes representan así as ideas que poden dar lugar a novas iniciativas, pero tamén a vontade de colaborar, experimentar e seguir construíndo colectivamente.
A continuación, en A Colleita, estas propostas foron compartidas e valoradas colectivamente. As persoas participantes puideron recoñecer aquelas ideas que consideraban especialmente relevantes, con impacto, viables ou capaces de medrar e xerar novas conexións.
A Colleita permitiu identificar que sementes teñen máis forza para continuar o seu percorrido, non como propostas pechadas, senón como puntos de partida para futuros proxectos e colaboracións dentro de SuídoLAB.
Entre ambas as fases constrúese un ciclo: sementamos ideas, compartímolas, coidámolas e recollemos aquelas que poden seguir medrando.
Porque no LoboLAB a colleita non é un punto final, senón o comezo dun novo proceso: levar as ideas do laboratorio ao territorio e facer que poidan medrar colectivamente..
O Legado
Antes de pechar a xornada, cada persoa deixou tamén a súa propia pegada: unha idea, un desexo ou unha acción que lle gustaría ver medrar no Suído.
Pequenos legados individuais que, xuntos, forman parte dun legado colectivo.
Porque o que aprendemos neste LoboLAB non queda só nas mesas, nos mapas ou nos papeis. Levámonos unha responsabilidade: seguir observando, coidando, conectando e actuando.
E o legado continúa.
O domingo 9 de agosto saímos dos mapas para volver ao territorio.
Visitaremos a Serra do Suído para percorrer os seus camiños, recoñecer sobre o terreo algunhas das pegadas que descubrimos durante o LoboLAB e continuar aprendendo directamente da paisaxe.
Porque despois de falar do territorio, hai que camiñalo.
Despois de descubrir as súas paisaxes invisibles, hai que volver miralas cos nosos propios ollos.
E despois de seguir as pegadas do lobo… tócanos seguir camiñando.