Esta iniciativa, considerámola o xerme de cultivo do que posteriormente foi O Suído e hoxe entendemos como o Suído LAB. En base á aprendizaxe e ás reflexións recollidas decidimos dar un paso adiante que deu lugar á fundación do noso colectivo.

A paisaxe da auga de Xesta é un proxecto que xorde coa intención de mostrar e divulgar os 18 muíños de Xesta como parte do seu patrimonio etnográfico, unha arquitectura popular, aínda latente na memoria colectiva, que durante séculos foi fundamental para o desenvolvemento da parroquia. A identidade de cada pobo atópase ligada de forma directa ao territorio onde se arraiga, sendo a realidade física do mesmo, o condicionante que definiu a súa forma de vida, a súa organización social e as súas dinámicas políticas, culturais e económicas.
Anda a roular ledo e cantareiro,
O muiño roulón sobre o regueiro.
Ó pasar a invernía queda calado
E despóis, todo o ano, está parado.
Ten paciencia, homildade e corazón
O muiño roulón, homilde e bon.
¡e non lle ten envexa ó gran muiño
Que moe todo o ano no pai miño!
Manuel María
A parroquia de Xesta, no concello da Lama, conta cunha gran rede de muíños ao longo do río Xesta, salpicados por tódolos lugares e núcleos. É, no seu conxunto, un fantástico exemplo da capacidade de adaptación dos seres humanos ás condicións do territorio, modificándoo e moldeándoo en harmonía coa natureza.

A pesar dos cambios sociais que o tempo leva, é fundamental potenciar a identidade cultural de Xesta sobre a paisaxe que a auga labrou, para evitar a súa perda, para fomentar a súa conservación. E como potenciar a identidade dun pobo co seu territorio? Pois moi fácil. Valorando o seu patrimonio cultural e natural, mediante a interacción entre os seus habitantes e os elementos patrimoniais e paisaxísticos.

Foi por mor dunha conversa no verán do 2011 entre Enrique Vaqueiro Costal, hoxe presidente da asociación de veciños de San Bartolomeu de Xesta e Manuel Ángel Bugallo Otero, na cal o primeiro mostraba o seu interese por rehabilitar algún dos muíños e o segundo propúñalle a realización dun inventario para saber realmente con cantos contaba a parroquia.

O que empezou como un traballo solitario converteuse nunha verdadeira paixón, comezando a formar un gran equipo de traballo para poder acometer a investigación. Foi así como sumáronse, nunha primeira instancia, dous veciños máis: o enxeñeiro militar, Juan Carlos Carreiro Costal e o arquitecto Bernardo Santiago Carballal Vázquez; para logo sumarse a historiadora da arte, Tania Galán Gómez, e tres arquitectos máis: Pierre Chauvency, Ignacio Lorente Romero e Pepa Zelada Tomé.

Foi así como este grupo de veciños e foráneos, amantes do patrimonio cultural e natural, realizaron este traballo que foi posible sacar á luz grazas ao apoio e financiamento tanto da Deputación de Pontevedra como ao Concello da Lama.

Como peche, deixámosvos un vídeo que estivo proxectado como parte da exposición «A paisaxe dá auga de Xesta» na carballeira dos Prados durante todo o mes de agosto do ano 2014. Esperamos que a desfruten.