O ciclo do lume

O vindeiro 14 de xuño de 2026, a Aula Arqueolóxica Antonio Rodríguez Colmenero, en Cualedro, converterase no escenario de “O Ciclo do Lume”, unha proposta impulsada polo Colectivo Costa Oeste, baixo a dirección de Sheila Gracía, que convida a afondar na realidade dos incendios forestais, a ecoloxía do lume e os vínculos existentes entre o territorio, a comunidade e a paisaxe.

Esta iniciativa xorde co propósito de crear un espazo de encontro para a formación, o intercambio de ideas e a acción arredor das consecuencias ambientais e sociais derivadas dos incendios forestais. Durante a xornada ofrecerase unha visión multidisciplinar da problemática a través de ámbitos como a ecoloxía do lume, o desenvolvemento territorial, a fotografía documental, o rigor científico, a ciencia cidadá e a educación ambiental, combinando achegas técnicas, experiencias participativas e ferramentas para comprender e interpretar o territorio.

“O Ciclo do Lume” pretende afondar nas causas que favorecen os grandes incendios, poñer en valor iniciativas de restauración ecolóxica e modelos de xestión comunitaria do monte, ademais de promover unha reflexión crítica sobre os retos ambientais que condicionan as paisaxes rurais de Galicia. Ao mesmo tempo, reivindica a importancia da arquitectura e da planificación territorial como instrumentos clave para facer fronte aos impactos do cambio climático.

Entre as persoas participantes figuran o noso compañeiro Fran García, que ofrecerá un relatorio sobre a paisaxe galega en mosaico; Iván Pérez, de SaviaNova, quen abordará a ecoloxía do lume; o fotógrafo Brais Lorenzo, encargado de presentar o proxecto “Terra Queimada”; e Ramsés Pérez, de ADEGA, que centrará a súa intervención no voluntariado ambiental e nas accións de recuperación do territorio.

O prazo de inscrición xa está aberto e será imprescindible realizar inscrición previa mediante mensaxe directa ou a través do correo electrónico

informacion.costaoeste@gmail.com.

[+Formulario de inscrición]

Programa

Domingo 14 de xuño

Relatorios

  • 11:00 h | A paisaxe galega en mosaico — Fran García (Territorio Raso) • 11:30 h | A ecoloxía do lume — Iván Pérez (SaviaNova)
  • 12:00 h | Pausa café
  • 12:30 h | Terra Queimada — Brais Lorenzo
  • 13:00 h | Voluntariado e accións para a recuperación — Ramsés Pérez (ADEGA)

14:00 h | Xantar

Boas prácticas na custodia do territorio (visita de campo)

  • 16:00 h | Bosque Celta. Plan estratéxico do monte comunal — Comunidade de Montes de Cualedro
  • 17:30 h | Chairas e A Veiga: estratexias de prevención — Asociación de Veciños de Lucenza

Prev
O Laxedo do conde no COAG de Vigo

O Laxedo do conde no COAG de Vigo

Un achegamento dun núcleo único en Galicia ás Rías Baixas

Next
LoboLAB proxectos

LoboLAB proxectos

Contámosvos as ideas que conforman o noso laboratorio cidadán