
Este mes tivo lugar en Barro unha nova edición de Laboratorio da Paisaxe. O noso colectivo foi invitado a impartir un mapeo colectivo na contorna do Rego do Areal.
Laboratorio da Paisaxe é unha iniciativa de pensamento, aprendizaxe e intervención artística que se desenvolve na área paisaxística das Rías Baixas; un dos espazos naturais máis importantes do territorio galego. Nace do cruzamento entre a fotografía, a escultura, a pintura , o land art e a arquitectura da paisaxe coas comunidades locais que habitan os territorios das Rías Baixas e o seu patrimonio natural e cultural.
Este proxecto cultural nace no ano 2020 baixo a dirección artística da arquitecta e xestora cultural Sheila García, a coordinación de Costa Oeste e a colaboración da colectivos Cultura Tirante e Espazo16.
Entre as súas intencións atópase a creación de comunidade a través de procesos culturais vinculados á intervención desde diferentes disciplinas artísticas na paisaxe. Grazas á colaboración de figuras do ámbito galego de diversas disciplinas artísticas impulsase a transmisión de coñecemento e técnicas de intervención na paisaxe ás persoas participantes. O proxecto desenvólvese en cinco formatos: mediación, talleres, encontros, exposicións e publicacións.

O rego do Areal é un curso fluvial común. Como tal non conta con ningún tipo de protección específica polos seus valores naturais ou paisaxísticos, máis alá das correspondentes normativas sectoriais. Mais o rego do Areal é un microcosmos: no seu percorrido dende o nacemento na contorna de Fonte de Curro ate desaugar no río das Lama, o pequeno regueiro suca vales, humedece veigas, rega aldeas, atravesa infraestruturas e contribúe como tributario ao sistema fluvial do río Umia. Deste modo, dende a súa modestia, cumpre funcións ecosistémicas nos servizos de regulación, provisión e cultural.
A paisaxe do rego do Areal é un sistema vivo que evoluciona de modo continuado e que responde as nosas relacións cotiás, materiais e inmateriais, co territorio, aínda que o resultado non sempre sexa ideal. A paisaxe actual do rego do Areal é froito desa realidade na que o territorio se consume en función a intereses que non sempre contemplan as relacións que os suxeitos teñen co medio.

A correspondencia entre persoas e paisaxe faise hoxe complexa, debido ás nocións cambiantes de lugar na vida contemporánea. Así, o recoñecemento da paisaxe cotiá xoga un papel crucial na creación dunha afinidade significativa entre as persoas e o lugar contribuíndo así ao sentimento de pertenza.
A percepción da paisaxe pode ser máis ou menos consciente pero mesmo nunha relación desinteresada coa contorna, o espazo que habitamos implica emocións e calidade de vida, dado que as configuracións espaciais teñen influenza na saúde mental e física. A percepción da paisaxe ven determinada pola súa composición pero tamén polas alternativas narrativas que conforman unha visión integradora da paisaxe e que debería ser integrada nos procesos de planificación territorial.
A paisaxe crease.

As paisaxes invisibles: esbozo práctico
A práctica deseñouse como un mapeo sensorial colectivo, un percorrido derivando pola contorna do rego do Areal. Os participantes interactuaron co medio focalizando sentidos concretos en cinco paradas preestablecidas nas que se fixeron reflexións colectivas sobre cada espazo.
En cada unha das paradas cada participante, de modo individual, xulgou tres aspectos:
- Selección do sentido predominante para a percepción da escena: cuestionario individual e mapeo colectivo: vista, oído, gusto, tacto e olfacto.
- Avaliación numérica dos valores paisaxísticos xenéricos da escena: ambientais, culturais, estéticos, emocionais-simbólicos e funcionais.
- Avaliación numérica en relación ao valor emotivo da escena: tristeza/felicidade; desagrado/pracer; temor/confianza; monotonía/diversidade; intranquilidade/paz.
A selección non casual das paradas pretendeu abordar temáticas concretas dende a lectura dos espazos a través dos sentidos.

Especies de Espazos:
PARADA 1: urbanismo vs planificación (aparcadoiro público do pazo da Crega)
PARADA 2: xardín vs parque (finca do pazo da Crega)
PARADA 3: sistema fluvial vs rego (ponte inacabada sobre o rego do Areal)
PARADA 4: son vs ruído (estación depuradora do rego do Areal)
PARADA 5: aldea vs núcleo (Balixe)
O exercicio práctico, independentemente das métricas resultantes, procurou determinar a relevancia da experiencia sensorial non evidente. A diagnose de conxunto que cada un de nós realiza das diversas escenas paisaxísticas determínase pola amalgama dos sentidos que conflúen para interactuar na nosa percepción. A experiencia sensorial consciente permite unha vivencia singular dos espazos en función a cada un dos sentidos, influenciando así na nosa consideración dos mesmos, tentando mostrar que calquera paisaxe posúe valores e polo tanto ten un papel ecofuncional e cultural.

De non ser así, non sería paisaxe.