O miñato común

Ilustración do Buteo buteo ©Von Wirght

Deixámosvos un pequeno resumo do artigo elaborado pola nosa compañeira Mari Aldir na revista cultural A Pedreira do Concello da Lama relacionado miñato común.

O nome científico do miñato común é Buteo buteo e é unha das especies de aves rapaces máis comúns e abundantes no Suído. Son máis pequenos que as aguias reais, pero son depredadores diúrnos igual de formidables. A variabilidade morfolóxica no colorido da plumaxe levou ao recoñecemento de varias subespecies, das cales Buteo buteo atópase no concello da Lama.

CLASIFICACIÓN TAXONÓMICA

O miñato común pertence á orde Accipitriformes, formado por aves rapaces diúrnas caracterizadas por ser depredadoras, ter un peteiro robusto e curvado, con garras vigorosas e adaptadas á captura de presas. Está clasificado na familia Accipitridae, a cal conta cunhas 240 especies de aves coas ás redondeadas, patas e cola relativamente longas e o pico adaptado para desgarrar.

Accipiter vén do latín accipitris que significa ‘falcón’, ‘ azor’ e ‘paxaro de presa’ e fórmase das raíces acu-, ‘afiado’, ‘agudo’, ‘veloz’, e pet-, pit- ‘caer’, ‘voar’, é dicir, voar en picada ou descendendo, que é a maneira na que os accipítridos atrapan as súas presas. O nome do xénero e da especie é Buteo que vén do latín que significa “ratoeiro”.

Descrición

É un busardo de tamaño mediano cunha lonxitude total de 46 a 58 cm, de aspecto compacto, complexión robusta e coloración moi variable. A cola mide de 19,4 a 22,3 cm nos machos e de 19,3 a 23,6 cm nas femias e presenta unha envergadura entre 110 e 132 cm. O peso dos machos varía entre 0,43 e 1,18 kg e nas femias entre 0,49 e 1,36 kg.

Ten un peteiro fino, cabeza pequena e ás relativamente longas, cola curta e tarsos curtos, en gran medida espidos.

A plumaxe presenta numerosas variacións individuais, polo que se poden observar desde individuos moi claros ata exemplares bastante escuros. Con todo, a coloración máis típica do adulto é un ton marrón bastante homoxéneo nas rexións dorsais e lixeiramente máis clara nas ventrais, onde aparece unha franxa pectoral esbrancuxada de desigual extensión. En voo, pódense ver unhas amplas manchas relativamente claras que coinciden coas rémixes primarias e secundarias na súa cara ventral. As ás mostran o bordo posterior percorrido por unha banda escura, do mesmo xeito que a cola, que pode aparecer variablemente barrada.

O busardo novo presenta as partes inferiores en tons desiguais de marróns e as cobertoiras dorsais con bordos pálidos; as marcas na parte inferior do corpo son lisas en lugar de formar barras. A cola está finamente barrada, pero carece da ancha banda terminal propia dos adultos. Os ollos son máis claros que nos adultos, nos que son marrón escuro.

Identificación

En voo exhibe unhas ás relativamente curtas e moi anchas e unha cola non demasiado longa, que frecuentemente desprega en abano, polo que pode manter un voo sostido durante un longo intre alternando con cernidos ocasionais. Dá aleteos rápidos e ríxidos planeados coas ás lixeiramente levantadas e remonta coas ás abertas en V.

Prev
Percorrendo el río Barbeira

Percorrendo el río Barbeira

Mapeo colectivo polo lugar de O Peso no concello da Lama

Next
Outeiro da misa

Outeiro da misa

Unha pedra abalar na lama