Xesta Vella

Mapeo colectivo polo lugar de Xesta

O pasado 17 de novembro estivemos por Xesta no concello de A Lama realizando un mapeo colectivo contra a depredación eólica.

O mapeo colectivo permitiu recuperar e documentar a memoria compartida do territorio a partir dos coñecementos e recordos da propia veciñanza. A través dun proceso participativo, as persoas participantes identificaron sobre o mapa aqueles lugares que forman parte da historia cotiá da comunidade, construíndo unha cartografía na que a paisaxe se entende como o resultado das experiencias e vivencias acumuladas ao longo do tempo.

Elementos recolleitos no lugar de Liñares. ©SuidoLAB

Este traballo puxo especial atención na localización de antigos oficios vinculados ao aproveitamento do territorio, sinalando espazos relacionados con actividades tradicionais como os muíños, fornos, canteiras, ferrerías, serrerías, lavadoiros ou lugares de pastoreo, entre outros. Do mesmo xeito, identificáronse os principais lugares de encontro e de relación social, como prazas, carballeiras, fontes, atrios, tabernas ou espazos onde se celebraban festas, feiras e outras actividades comunitarias que estruturaban a vida local.

Elementos recolleitos no lugar de Xesta. ©SuidoLAB

O proceso tamén permitiu reconstruír a rede histórica de camiños, carreiros e pasos tradicionais que articulaban a mobilidade entre aldeas, montes e zonas de cultivo, moitos deles hoxe transformados ou en desuso. Estes itinerarios, alén de conectar lugares, constitúen un valioso patrimonio cultural que reflicte as formas de habitar, traballar e relacionarse coa paisaxe.

Elementos recolleitos no lugar de Portomartiño. ©SuidoLAB

O resultado deste mapeo colectivo non só xerou unha ferramenta de coñecemento do territorio, senón tamén un espazo de diálogo interxeracional onde a memoria oral converteuse nun recurso fundamental para comprender a evolución da paisaxe e fortalecer o vínculo da comunidade co seu patrimonio material e inmaterial.

Elementos recolleitos no lugar de A Grifa. ©SuidoLAB

Que é un mapeo?

Permite construír o coñecemento integral dun lugar a partir da participación e o compromiso da sociedade.

É unha ferramenta creativa que facilita a construción dun relato colectivo sobre un territorio.

Esta información se socializa nun espazo horizontal de encontro que apunta a capturar saberes e condensalos nun soporte común “o mapa”.

Elementos recolleitos no lugar de Campelo. ©SuidoLAB

Está pensado como unha instancia de construción colectiva e participación aberta, permitindo o coñecemento crítico de diversas realidades a partir da memoria cotiá e os saberes non especializados: SABER POPULAR.

Neste mapeo intentamos recompilar o máximo de elementos afectados polo parque eólico desde elementos do patrimonio cultural material, inmaterial e natural.

Elementos recolleitos no lugar de Pigarzos. ©SuidoLAB

A idea do mapeo era reflexiona en comunidade sobre esta agresión, coñecer de primeira man o sentir das veciñas e as súas preocupacións.

Prev
Xesta Vella

Xesta Vella

Mapeo colectivo dentro do día do patrimonio

Next
Camiños de mortos na parroquia de Xesta

Camiños de mortos na parroquia de Xesta

Superposición co mundo dos vivos