LAXEDO EN GRANDA

O hixienismo impulsado polo Conde

Laxedo: hixiene, coidados e modernidade. Novas formas de habitar unha comunidade rural galega

Os nosos compañeiros Manuel e Pierre presentarán a súa investigación sobre Laxedo no VI Congreso Internacional Cultura e Cidade, que se celebrará en Granada do 2 ao 4 de xuño de 2027.

Que teñen que ver un lavadoiro, unha fiestra orientada ao sol ou a auga dunha fonte coa nosa saúde? Durante séculos, a arquitectura e o urbanismo tentaron responder a unha mesma pregunta: como facer que os lugares onde vivimos nos coiden.

Saúde, cidade, arquitectura

Esa pregunta é o punto de partida do VI Congreso Internacional Cultura y Ciudad, que baixo o lema Salud, Ciudad, Arquitectura: el cuerpo, la higiene, los cuidados reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Granada investigadores e investigadoras de distintas disciplinas. O encontro propón reflexionar sobre as relacións entre o contorno construído e o benestar humano a partir de catro bloques temáticos:

  • Corpo. A relación entre arquitectura e corpo, entendido non só como un feito biolóxico, senón tamén como unha construción histórica e cultural.
  • Hixiene. A ventilación, o asollamento, a calidade do aire e da auga ou a evacuación de residuos como preocupacións constantes ao longo da historia, e o hixienismo do século XIX como grande impulso para mellorar as condicións de vida, coas súas luces e as súas sombras.
  • Coidados. A vivenda, o barrio e o espazo público como soporte da vida cotiá, da convivencia e das redes de apoio mutuo.
  • Representacións na cultura. Como cada sociedade definiu que é «limpo» ou «san» segundo a súa época, o seu territorio e a súa maneira de entender o mundo.

Do hixienismo a Laxedo

A finais do século XIX e comezos do XX, o hixienismo impulsou unha nova maneira de pensar os asentamentos humanos. A vivenda, a ventilación, as infraestruturas, a circulación e os espazos públicos comezaron a entenderse como elementos esenciais para mellorar a vida das persoas.

Esas ideas viaxaron. O Conde de Cabanelas coñeceu de preto a modernización do Río de Xaneiro durante a súa traxectoria no Brasil, unha experiencia fundamental para entender a transformación de Laxedo. A investigación de Manuel e Pierre analiza como aqueles principios urbanísticos cruzaron o Atlántico e se reinterpretaron nun pequeno núcleo rural galego, dando lugar a novas formas de habitar, de relacionarse e de entender a vida en común. Unha pegada que aínda hoxe forma parte da identidade do lugar.

Paisaxes invisibles

Dende SuídoLAB levamos anos falando de paisaxes invisibles: esas capas de memoria, saberes e formas de vida que non sempre se ven a primeira vista, pero que dan sentido ao territorio. Laxedo é un exemplo precioso diso. Convídanos a mirar o patrimonio rural máis alá dos seus edificios, como expresión dunha maneira de entender o benestar colectivo e de coidar a vida en común.

Dende aquí, moita sorte a Manuel e a Pierre en Granada.

Datos do congreso

VI Congreso Internacional Cultura y Ciudad
Salud, Ciudad, Arquitectura: el cuerpo, la higiene, los cuidados
Escola Técnica Superior de Arquitectura de Granada
Do 2 ao 4 de xuño de 2027
Máis información: granadacongresos.com

Organiza a Área de Composición Arquitectónica da Universidade de Granada, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura de Granada, o Departamento de Construcións Arquitectónicas da Universidade de Granada, o Grupo de Investigación HUM-813: Arquitectura e Cultura Contemporánea e a Asociación de Historiadores da Arquitectura e o Urbanismo (AhAU).

Autoría da investigación: buoestudio e Evidence.

Prev
Xerusalén en Xende

Xerusalén en Xende

A «Paisaxe da Paixón» nun núcleo tradicional galego