Hai máis de dez anos comezamos a mirar o territorio desde aquilo que non sempre é visible. Paisaxes Invisibles naceu como unha reflexión sobre as relacións entre as persoas, os lugares, a memoria e as diferentes formas de habitar o territorio. Desde entón, fomos buscando maneiras de facer visible esa dimensión máis profunda da paisaxe, entre elas os mapeos colectivos, como ferramentas para compartir coñecementos, experiencias e diferentes formas de mirar o lugar.
Co tempo, esta maneira de traballar foi medrando. O LoboLAB deu continuidade a ese percorrido e levou a experiencia un paso máis alá: do mapa ao territorio, da representación ao encontro, da mirada individual á escoita colectiva. Percorremos lugares, compartimos historias, escoitamos diferentes voces e descubrimos novas capas dun Suído que tamén se constrúe a través das experiencias e da memoria de quen o habita.
Agora, todo ese camiño abre unha nova etapa. Estamos preparando unha nova proposta que continuará este fío para poñer en relación diferentes espazos do Suído, elementos do seu patrimonio e persoas de distintos lugares do territorio. Unha maneira de seguir escoitando, conectando e descubrindo que acontece cando os lugares, as memorias e as persoas se encontran.
Porque talvez o Suído non sexa só aquilo que vemos cando o percorremos, senón tamén aquilo que lembramos, aquilo que contamos e aquilo que compartimos. Un territorio feito de paisaxes visibles e doutras que permanecen máis ocultas, pero que están presentes nas voces, nos percorridos, nos xestos e nas relacións que construímos co lugar.
Estamos preparando algo novo.
Un novo capítulo dunha mirada que comezou hai máis dunha década e que segue a descubrir os paisaxes invisibles do Suído.