A paisaxe galega é o resultado da interacción do home co territorio e a vida e a morte son coas súas diferenzas e puntos de encontro os dous elementos que o definiron.
Nesta segunda entrega sobre os espazos da morte, centrarémonos na “paisaxe”, no seu poder icónico e nos múltiples significados que aínda se conservan na memoria da veciñanza do concello da Lama.

O home do rural galego, sempre tivo presente a morte, vivindo familiarizado con ela mediante o respecto e recordo dos seus defuntos. Asumía a morte sen temor, como ben sinala o dito “morrer hai que morrer”, xa que do contrario habería que “morrer coma un can”. Son as súas crenzas relixiosas e supersticiosas as que plasman o culto cara aos seus antepasados expresado en múltiples manifestacións dentro do territorio, como son os cruceiros, petos de ánimas, camiños de mortos, etc., polo que forma parte indivisible do imaxinario do pobo galego.
Nas parroquias lamenses ao igual que no resto de Galicia, a morte é asumida como unha morte “social”, plasmada na importancia da terra, da casa, da familia, do grupo…; é máis importante “de quen é” ou “de que casa é”, transcende a propia persoa e manifesta de forma clara a importancia do “sentido do lugar”, en resumo, da vinculación do home co seu territorio.
No anterior artigo de “Arquitectura da morte da Lama” falamos sobre a importancia da parroquia como referente espacial dentro do territorio galego. Constituída por un grupo de aldeas á súa vez conformadas por varios lugares, constitúe a unidade territorial, relixiosa e social por excelencia en Galicia.

No rural galego, a morte conta cun gran peso cultural. Os cemiterios seguen mantendo o seu carácter de lugar público, de encontro e de manifestación dos lazos sociais a través da participación nos ritos fúnebres. Neles, os veciños crean e fortalecen vínculos de agradecemento co acompañamento nun momento de dolor pola perda dun ser querido, polo que funcionan como iconas da nostalxia e da convivencia humana.
Falar dunha “paisaxe da morte” é falar do conxunto igrexa, cemiterio e camiños, estes últimos moitas veces marcan o primeiro elemento de superposición entre a parroquia de vivos e a dos mortos.
Deixámosvos o artigo completo publicado na revista Pedreira nº15.