
Proxecto que ten por obxectivo a organización de diversos eventos en formato de xornadas técnicas, seminarios e xornadas de campo para a divulgación de coñecemento tecnolóxicos e de xestión das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e das Denominacións de Orixe Protexidas (DOP).
O proxecto, xerado a través dunha agrupación da que forman parte o GDR Galicia Suroeste como coordinador, o GDR Limia – Arnoia da provincia de Ourense, e o GDR Valle del Ambroz de Cáceres, acadou a sexta mellor puntuación de entre 38 candidaturas presentadas.
Cada un dos GDR centrará a súa divulgación, formación, información e asesoramento técnico sobre un produto concreto, de gran importancia para o desenvolvemento do seu territorio. Desta forma, serán combinadas diversas actividades nas que se realizarán intercambios de coñecementos e se porá en valor o produto seleccionado por cada GDR.
Galicia Suroeste centrará os seus esforzos en dar un pulo á IXP do Pan do Porriño, aproveitando os coñecementos dos outros territorios que xa contan con IXP declaradas, como Pataca de Galicia no caso do GDR Limia – Arnoia e Pimentón de la Vera no caso do GDR del Valle del Ambroz.
O proxecto RURALMENTE reuniu os pasados días 6 e 7 de agosto na parroquia de Xunqueiras (Pazos de Borbén) a máis de 700 persoas nun encontro que combinou reflexión, cultura, gastronomía e música nun contorno rural con forte pegada indiana. A cifra de asistencia duplicou as previsións da organización, demostrando o interese por eventos que poñen en valor o patrimonio e a economía rural.
Durante dous días, a veciñanza e visitantes de toda a contorna participaron nunha programación coidada que xirou arredor do pan como símbolo de cultura e emigración, con especial atención á relación histórica entre Galicia e Brasil, e o papel da comunidade panadeira galega en cidades como Salvador de Bahía.
Un espazo con alma: a Casa da Costa
As xornadas desenvolvéronse no eido da Casa da Costa, unha casa indiana situada en Xunqueiras, que se revelou como símbolo perfecto do espírito RURALMENTE: unha celebración da riqueza agochada dos nosos territorios. Os asistentes puideron coñecer de preto a arquitectura indiana, os balados de pedra, as antigas canalizacións de auga e outros elementos únicos da construción civil tradicional, que forman parte da memoria viva do rural galego.

A primeira xornada centrouse no papel dos grupos de desenvolvemento rural como dinamizadores dos territorios e na importancia dos produtos locais como elementos de identidade, cultura e valor económico. As intervencións puxeron de manifesto o potencial transformador destas iniciativas desde o territorio, cun enfoque que combina tradición, innovación e identidade. A xornada abriu cunha conferencia sobre o mundo indiano e o impacto da emigración na configuración social e arquitectónica de moitas parroquias galegas , impartida polo arquitecto Manuel Bugallo. A continuación, dúas mesas de debate reuniron representantes de GDRs, produtores e especialistas para reflexionar sobre as oportunidades que xeran os produtos do rural cando se valoran desde unha perspectiva de marca e patrimonio.
O encontro pechouse cunha degustación de produtos locais e unha visita guiada pola Casa da Costa, permitindo coñecer de preto este exemplo de arquitectura indiana e o seu valor patrimonial.

A segunda xornada tivo un carácter máis lúdico, participativo e familiar, e estivo especialmente pensada para atraer públicos diversos e fomentar o contacto directo coa cultura e os produtos locais. Pola mañá desenvolvéronse obradoiros infantís de elaboración de pan e cerámica,así como unha fornada de pan no propio forno tradicional da Casa da Costa. O pasarrúas da Banda Musical de Goián encheu o espazo de ambiente festivo, que continuou cun acto institucional e unha sesión vermú acompañada de música en directo e degustación de produtos.

Xa pola tarde, o evento transformouse nunha mostra gastronómica aberta, cunha exaltación do produto local e da enogastronomía da zona. As persoas asistentes puideron gozar de música en vivo e dunha demostración de cociña en directo, que puxo en valor as posibilidades culinarias dos produtos de proximidade e a súa capacidade para xerar identidade e turismo de calidade.
Desde o Suido LAB estamos contentos polo traballo desenvolvido polo GDR como por Manuel, na posta en valor constante do «Mundo indiano».